A chegada do BNG ao goberno en Sada cambiou o modelo urbanístico. Agora hai unha aposta pola calidade, dentro do máximo respecto pola legalidade

|


Non é doado cambiar un modelo urbanístico, cheo de irregularidades, e con varias persoas afeitas a facer o que querían na vila, pero a chegada do BNG ao goberno sadense supuxo unha ruptura co pasado. O novo goberno apostou por un urbanismo de calidade e totalmente respectuoso coa legalidade. Non se pode facer responsable a este goberno do feito e aprobado polos anteriores de tantos anos. En Sada sempre gobernaron os mesmos ata que o BNG chegou á Alcaldía con Abel López Soto, en coalición con outras organizacións.


Agora presentan unha denuncia contra o Alcalde Abel López Soto e a concelleira de urbanismo María Xosé Carnota, do BNG, por unha licenza outorgada polo anterior goberno. Isto xa é rizar o rizo. Unha denuncia pouco crible politicamente xa que en Sada a cidadanía ben sabe quen é cada quen, e ben sabe quen defende a legalidade urbanística e quen defende intereses privados. Tanto o Alcalde como a concelleira de urbanismo queren aclarar este proceso canto antes, e seguirán traballando por fortalecer e potenciar a vila de Sada cun urbanismo respectuoso coas normas e un estilo de goberno digno, ético e responsable socialmente.

O goberno municipal fixo pública a seguinte nota de prensa:

En relación coa denuncia penal interposta por D. Gervasio Carballo Brasa contra, entre outros, do alcalde e a concelleira de urbanismo, este goberno municipal informa do seguinte :

1.- A denuncia fundamentase en catro cuestións : a nulidade da licenza de obras, a non paralización das mesmas, a non caducidade de dita licenza e a denegación ao denunciante de acceso á documentación dos referidos expedentes.
En relación coa licenza de obras 653/2005 :
a) Dita licenza de obras 653/2005 foi outorgada por acordo da Xunta de Goberno Local de 21/10/2005, co voto favorable de Ramón Rodríguez Ares, José E. Gómez López, Mar Fernández Linares e Juan Barbeito Miño (falecido), nengún dos cales foi denunciado polo Sr. Carballo Brasa. Ou dito doutro xeito, o Sr. Carballo Brasa considera delictivo o outorgamento de dita licenza pero non denuncia ás persoas que a concederon e, sen embargo, denuncia ao actual alcalde e á actual concelleira de urbanismo cando nen un nen a outra teñen nada que ver coa concesión de dita licenza.
b) A licenza 653/2005 foi obxecto dunha solicitude de revisión de oficio formulado por un concelleiro do BNG o día 08/04/2006. Dita solicitude foi desestimada expresamente por Decreto 96/2007 de data 24/01/2007 do alcade de Sada naquel entón, o Sr. Rodríguez Ares. Ou dito doutro xeito, o Sr. Carballo Brasa denuncia penalmente ao actual alcade e á concelleira de urbanismo por non revisar de oficio dita licenza, cando dita revisión de oficio xa foi rexeitada expresamente no 2007 polo Sr. Rodríguez Ares, quen, sen embargo, non foi denunciado penalmente polo Sr. Carballo Brasa.
O Sr. Carballo Brasa non adxuntou á súa denuncia documentación relativa aos feitos anteriores, a pesar de que lle constan expresamente.
c) Tamén alega o Sr. Carballo Brasa que os denunciados non atenderon un requerimento de información que en relación con dita licenza formulou a Consellería de Política Territorial en xaneiro de 2007. O sorprendente é que naquel momento (xaneiro do 2007) o alcalde de Sada era o Sr. Rodríguez Ares, non denunciado polo Sr. Carballo Brasa. Ou sexa, o alcalde, Sr. Rodriguez Ares, era o que estaba obrigado a atender dito requerimento de información no prazo máximo de 20 días hábiles, e non o fixo, como era a súa práctica habitual, pero non foi denunciado polo Sr. Carballo Brasa e si o foi o actual alcalde, que tomou posesión varios meses máis tarde.

En relación coa non paralización das obras :
O Sr. Carballo Brasa presentou reiteradas denuncias en relación co pretendido desaxuste das obras á licenza outorgada. A concellalía de urbanismo ordenou aos servizos técnicos municipais a emisión dos informes ao respecto e que concluiron que as obras se asustaban substancialmente ao proxecto técnico obxecto de licenza e que, por tanto, non procedía a paralización das mesmas, entre eles o extenso e exhaustivo do arquitecto municipal, de data 22/10/2008. Evidentemente, dito informe non foi adxuntado polo Sr. Carballo na súa denuncia, a pesar de que lle consta expresamente.

En relación coa non declaración de caducidade da licenza de obras :
Mediante acordo da Xunta de Goberno Local de 17/12/2009 resolveuse a non declaración de caducidade da dita licenza de obras. Sendo certo que por parte dun funcionario do Concello se emitíu un informe favorable a dita caducidade, tanto por parte do Letrado do Servizo de Asistencia a Municipios da Deputación como por parte do Secretario de Concello e do Letrado asesor xurídico do Concello, nos seus informes conclúese claramente a non procedencia da declaración de caducidade de dita licenza, que é o que se acordou.
O sr. Gervasio Carballo adxuntou á súa denuncia o informe do funcionario (favorable á caducidade) pero non adxuntou os tres informes xurídicos anteriores (contrarios á caducidade, entre eles o do Secretario da Corporación), a pesar de que lle constan expresamente.

En relación coa denegación de acceso á documentación :
O Sr, Carballo Brasa tivo acceso en reiteradas ocasións aos expedentes administrativos relacionados coa súa denuncia. O goberno municipal nunca lle denegou dito acceso. Sorprende enormemente que se denuncie a denegación de acceso á documentación cando o Sr. Carballo Brasa é parte en varios recursos contenciosos-administrativos que teñen por obxecto ditas edificacións e que, por tanto, tivo acceso á totalidade dos expedentes.

2.- O goberno municipal louba o repentino interés do Sr. Carballo Brasa na defensa da legalidade urbanística sadense, pero resulta sorprendente que denuncie un suposto trato de favor ao promotor cando él mesmo, o Sr,. Carballo Brasa, tense persoado en apoio do Concello no recurso contencioso que interposto pola promotora ten por obxecto a denegación municipal da licenza de primeira ocupación de dito inmoble. Máis sorprendente é que denuncie penalmente a membros do actual goberno, que nada teñen que ver co outorgamento dunha licenza que o Sr. Carballo considera ilícito penal, e non denuncie aos responsables do seu outorgamento no 2005, nun goberno no que alcalde era o Sr. Rodríguez Ares e do cal formaban parte actuais concelleiros da oposición.

3.- Tanto o alcalde como a concelleira de urbanismo están desexosos de prestar declaración e colaborar coa Administración de Xustiza, xa que non hai motivo nengún que fundamente ou ampare a querela interposta polo Sr. Carballo Brasa, como estamos seguros que así será estimado polo Xuzgado de Betanzos. Tamén quedarán claros os motivos reais e concretos da presentación da querela polo Sr. Carballo Brasa e dos intereses que defende, que non son, desde logo, a defensa da legalidade urbanística sadense.
A cidadanía de Sada coñece perfectamente ao denunciante, aos denunciados e tamén aos responsables políticos que, sen ser denunciados polo Sr. Carballo Brasa, son os responsables directos da licenza de obras. E ben sabe a cidadania sadense onde está a defensa da legalidade urbanística e onde a defensa de intereses privados, que nada teñen que ver con ela.

O Delegado do Goberno visitou Sada

|

O Delegado do Goberno en Galicia Antón Louro visitou no día de hoxe Sada e foi recibido polo Alcalde, a Tenente de Alcalde e os membros do Goberno Local. Tamén estiveron presentes na recepción representantes de Asociacións de Veciños, Deportivas, Directivos dos Centros docentes, Patrón Maior, así como a Presidenta e outros membros da Asociación da Terceira Idade.

25 de marzo de 2010 O Alcalde convidou ao Delegado a asinar no libro de honra do Concello e no discurso de benvida significou a estreita colaboración institucional entre a Delegación do Goberno e o Concello de Sada.

O Alcalde significou a importancia da aportación do Estado a través do Fondo Estatal do ano 2009, así como o investimento que o Ministerio de Defensa está a facer no Cuartel da Garda Civil de Sada que supera o millón de Euros. O Rexedor municipal aproveitou para detacar o importante labor que desenvolve a Garda Civil de Sada, contribuindo a manter a zona cun aceptable nivel de seguridade.

Tamén se referíu o Alcalde á construcción do Centro de Día e á nova escola infantil que se iniciará a mediados do mes de abril e no que se investirán máis de 1.300.000 € do Fondo Estatal do 2010, así como ao Convenio co Ministerio de Cultura que permitirá convertir a capela de San Roque nun auditorio e sala de exposicións.

O Delegado do Goberno tamén significou a boa relación existente entre o Concello de Sada e o Goberno do Estado e anunciou que está en fase de redacción no Ministerio de Medio Ambiente a continuación do paseo marítimo na praia das Delicias, entre outras obras.

A visita continuou na Praza da Pescadería e na Oficina da Xuventude onde xa están rematadas as obras de remodelación deste local e a continuación a comitiva dirixíuse ao Cuartel onde foron recibidos polas Autoridades da Garda Civil.

Unha vez revisadas as obras e feita a comparecencia diante os medios de comunicación, concluíu a visita.

Adxudicada a Escola Infantil e o Centro de día

|

A Xunta de Goberno Local deu por boa a proposta da mesa de Contratación e acordou a adxudicación provisional das obras da Escola Infantil e do Centro de día á Empresa Antalsis S.L. por resultar a oferta que máis puntuación recibíu nos dous casos.

Participaron un total de 43 empresas (14 delas formando 7 UTEs). A alta participación estivo acompañada da magnífica calidade técnica dos traballos presentados polas diferentes empresas.

Coa adxudicación destas dúas obras, chega á súa recta final una promesa do goberno local de construir estes dous edificios de servicios urxentes para Sada. Despois da sinatura entre Anxo Quintana, entón vicepresidente de la Xunta, e o alcalde Abel López Soto, o cambio de gobierno autonómico fixo que Sada desaparera dos plans prioritarios da Xunta en materia de benestar, polo que o Concello optou por realizar ditas obras con cargo aos fondos de investimento local nuns terreos adquiridos polo Concello en Mondego e que estiveron a disposición municipal desde agosto do pasado ano.

O Centro de día será unha construción de 823 m2 de planta que contaba cun investimento de licitación de 855.693,15 € e a escola infantil terá 430 m2 de planta e contaba cun investimento de licitación de 460.757,83 €.Nos dous casos as baixas producidas polo adxudicatario son do 10% do prezo de licitación.

A empresa adxudicataria Antalsis SL ubicada no polígono coruñés de A Grela, realiza obras de moi diverso tipo, entre elas o parque empresarial de As Gándaras (Lugo), a tercera ronda de A Coruña á altura de Pocomaco, a vía Ártabra entre Meirás e Veigue, o alcantarillado do Concello de Lalín, varias piscinas na ciudade de Vigo, así como os centros de día de Culleredo, Bastiagueiro e A Laracha.

O goberno Local amosa a súa satisfacción ao culminar con éxito un proceso que dotará a Sada de dúas obras moi demandadas pola cidadanía e que marcarán un antes e un despois na atención a nenos e maiores, xa que se cubrirá a demanda existente tanto de escolarización de nenos e nenas de 0-3 anos, como de prazas para personas maiores no Centro de día.
e

III Festival galego de curtas.

|

Festival de Curtas

27 Novas curtas competirán polos diferentes premios do Festival.
Achégase no calendario a semana do Festival de Curtas de Sada, que, nesta edición, permitirá visualizar 27 novas curtas que darán unha idea do estado de evolución do audiovisual galego.

17 de marzo de 2010 O xurado, formado pola productora Mara González , o músico Bieito Romero, o director e guionista Ángel de la Cruz e o actor Fernando Morán, tivo un traballo difícil, posto que, segundo as súas impresións, este ano houbo moitos traballos de grande calidade. Isto complicou a fase de selección, e debemos sinalar que algunha das propostas rexeitadas tiñan calidade suficiente como para estar competindo coas outras polos premios. Cremos que isto da un impulso ó Festival para seguir ofrecendo un espacio ás creacións audiovisuais, e para seguir mellorando a súa organización e crecer nos vindeiros anos.

Coas curtas seleccionadas elaboraranse catro sesións de proxección, que serán publicadas nos próximos días, xunto co cartel desta III edición. As proxeccións faranse no Auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada, en horario de 20:00h. e con entrada gratuita.
Como novidade, estase a organizar unha rede de locais que poderán acoller sesións de proxección dentro do concurso.

As curtas seleccionadas para o cartel do III Festival son:

AARÓN, de Marcos Nine Bua.
AMANTIS, de Vera Domínguez.
BERBERECHO II, dirixida por Sepi Bazarra.
DIES DEI, de Nani Matos.
EU TAMÉN QUERO COÑAC, por Omar Rabuñal.
EXILIO, dirixida por Juan Galva.
INSTALACIÓN, por José Díaz.
LA NIÑA QUE TENÍA UNA SOLA OREJA, de Rubén Coca.
METICULOSIDADE, por Martín Vázquez.
MOMENTOS CAPTADOS DUNHA REALIDADE XA
INEXISTENTE, de Pablo Cacheda.
MORTE DUN ESTUDANTE DE CINE, de Óscar Galansky.
NOUTURNIO DE CELANOVA, coa dirección de Raúl García.
ELIXIDO, dirixido por Chema Gagino.
NOVENO PRINCIPIO, por Iván Seoane.
PAQUETE, baixo a dirección de Andrés Goteira.
SOLDADIÑO DE CHUMBO, de Virginia Curiá.
PADRE MODELO, realizada por Alejandro Marzoa Blasco.
QUID PRO QUO, de Fran Araújo e Manuel Burque.
RODILLA, dirixida por Juanjo Giménez.
SLOW FOOD, rodada por Gutier Rolán.
SOCARRAT, de David Moreno.
TELE(LE)TRANSPORTE, por Juan del Río.
TÓMATE O TEU TEMPO, dirixida por Sabela Pernas
UN CHICO RARO, realizada por Javi Camino.
X NADA, por Toni Veiga e Dani de la Torre.
XUNTOS CONTRA A SIDA, de Ángel Alonso.

UN IMPORTANTE PAPEL PARA O PÚBLICO.
O III Festival de Curtas de Sada estreará a fase de proxeccións o vindeiro martes 20 de abril. Con él proporanse algunhas actividades paralelas, que tratarán de achegar o entendemento do sector audiovisual e as artes cinematográficas á poboación desta localidade.
O público que asista ó Festival terá a opción de votar pola curta que crean que merece o primeiro premio. Isto, que xa se fixo nas edicións anteriores, democratiza o certame e permite que o público se manifeste e entregue un dos galardóns máis apreciados polos artistas.

A Concellalía de Benestar anuncia o inicio do programa de Prevención en drogodependencias

|

A través da concellería de Benestar Social do Concello de Sada, está iniciándose o programa de Prevención en drogodependencias, financiado pola Deputación Provincial de A Coruña e que se desenvolve no Instituto Isaac Díaz Pardo de Sada

Este programa engloba dous tipos de actividades: actividades de prevención escolar e actividades de prevención coas familias.

As actividades de prevención escolar están dirixidas ao alumnos/as dos catro cursos da ESO. Nas sesións co alumnado traballanse contidos sobor hábitos saúdables ("mellor sen alcohol"), habilidades sociais, e actividades de cineforum.
Vanse desenvolver un total de vintecinco sesións de traballo ao longo do curso orientadas a previr o uso de sustancias nocivas.

O programa desenvolve tamén actividades de prevención coas familias, dirixidas aos pais e nais. Neste sentido realizaranse reunións a modo de escolas de pais e nais nas que se tratarán cuestións importantes relativas á educación dos fillos e fillas: normas, aprender a poñerse límites, comunicación, etc.

Un xoves ao mes, durante sete meses, os pais e nais poderán compartir e reflexionar sobor estas cuestións que tanto preocupan. As sesións serán dirixidas por un psicólogo con experiencia no eido da prevención en drogodependencias.

O programa desenvolvese no Instituto Isaac Díaz Pardo, de Sada e o vindeiro xoves 16 de decembro as sete e media da tarde será a segunda das sesións dirixidas aos pais e nais. As persoas interesadas poden dirixirse directamente ao Instituto ou aos servizos sociais municipais, posto que ainda existen prazas vacantes.

A mostra de Teatro Afeccionado e o Festival de Curtas de Sada abren as súas portas

|


Xa están publicadas as bases da VI Mostra de Teatro Amador de Sada. As compañías de Galicia e o Norte de Portugal que queiran participar poderán formalizar xa a súa inscrición conforme ás bases que se poden consultar no B.O.P. da Coruña (4-12-2009). Ademais, en www.concellodesada.compoderedes atopar e descargar toda a información.

A Mostra ocupará o seu lugar habitual no calendario, coincidindo coa chegada da primavera e coas datas de celebración do Día Internacional do Teatro. Esta festa do arte dramático comezará coas representacións o 13 de marzo, e rematará o domingo 28.

As artes audiovisuais tamén teñen o seu espacio en Sada, xa que o III Festival de Curtas de Sada abre o prazo de recepción de traballos. Os realizadores galegos que sexan finalmente seleccionados, poderán exhibir as súas obras no Festival entre os días 20 e 24 de abril, nunha edición que pretende ser de consolidación e impulso para este certame.
As bases pódense atopar no B.O.P. da Coruña do 4 de decembro de 2009, e en www.concellodesada.com

Video electoral. Eleccións municipais 2007

|